Masters
Unha das grandes sorpresas chegou na carreira Master-30. Luis Fernández (Avanza) sumou o seu primeiro triunfo deste ano batendo a Andrés Calvete (Cambre) e Pedro Dapena (PC Quintena). O líder Narciso Piñeiro (Spol) rematou quinto e viu reducida de forma notable a súa renda na xeral.
En Master-40, Miguel Rey (PC Quintena) obtivo a segunda praza e desbanca do liderado a Guillermo Álvarez (Fornelos). Manuel Armada (Asoc. Galegos) foi o gañador desta carreira, na que Rubén Rodríguez (Naviego) ocupou o terceiro escalón do podio.
Por último, Javier de la Fuente continúa con paso firme en Master 50-60. O ciclista do Betanzos volveu solventar con éxito o seu pulso con Antonio González (Salvaterra) e coa terceira posición fíxose Jesús Fernández (Esportate).
A Copa Galicia de Ciclocross descansará a vindeira semana despois da suspensión da cita que estaba prevista en O Porriño e regresará o 27 de decembro co Campionato de Galicia en Ferrol.
Irene Trabazo, Iván Feijoo e Javier de la Fuente, campións da Copa de España de Ciclocross 2015
Triplete dos corredores galegos nas clasificacións xerais finais da Copa de España de Ciclocross. Irene Trabazo e Iván Feijoo selaron este domingo en Valencia os seus títulos en Junior na última proba celebrada en Valencia, mentres que Javier de la Fuente xa certificara o seu triunfo en Master-50 hai varias xornadas.
A proba junior feminina comezaba coa noticia de que a corredora do C.C. Marín saía xa como vencedora virtual xa que o Comité de Competición da RFEC aceptara o recurso da corredora contra a sanción de 25 puntos por saír en Elorrio sen a camisola de líder da competición. Trabazo, con todo, quixo ratificar o seu liderado cunha vitoria de prestixio en Valencia, onde non tivo rival na súa categoría e ademais foi capaz de quedar novena scratch (ao ser proba internacional elaborábase unha clasificación conxunta coas maiores).
Moitos máis apuros pasou Iván Feijoo na pugna polo título en Junior masculino. O representante do Maceda chegaba vestido de líder, pero sufriu unha avería que o puxo contra as cordas. Gañador a pasada campaña da categoría Cadete, o ourensán pelexou ata o final para remontar posicións e acadar o quinto posto na liña de meta, que foi suficiente para asegurar a vitoria na xeral final.
Sem comentários:
Enviar um comentário